Monday 29 de April de 2024

Teatro de Cámara Ditea representará este sábado en Brión a obra “Animaliños”, unha peza de Roberto Vidal Bolaño


Teatro de Cámara Ditea representará este sábado 15 de novembro a obra “Animaliños”, unha peza de Roberto Vidal Bolaño, dentro do programa “Outono Cultural” do Concello de Brión. A actuación, de acceso libre e de balde, terá lugar no centro social polivalente de Pedrouzos, a partir das 21:00 horas.

“Animaliños” é unha peza chea do humor, sarcasmo e ironía de Roberto Vidal Bolaño, que reinterpreta a realidade brionesa para traducilo en feitos escénicos. Unha obra que, ademais, ten a peculiaridade de que foi escrita por Vidal Bolaño durante a súa etapa como veciño de Brión, polo que está en gran parte inspirada nos veciños e veciñas do municipio. Así, “Animaliños” fala dos “propietarios de casa con xardín”, como representantes de todos nós; e retrata á sociedade da opulencia que cre coidar da súa contorna pero non dubida en estragar o alleo.

Teatro de Cámara Ditea porá en escena esta peza baixo a dirección de Pepe de la Fuente e coas actuacións de Alberte Álvarez, Manuel Amenedo, Gustavo Freire, Raúl Gómez, Rafa Gregori, Luís Martínez, Martina Martínez, César Núñez, Alberto Outeiriño, María Jesús Silva e Chiruca Tarrío. De feito, os asistentes ao acto de homenaxe a Roberto Vidal Bolaño do pasado mes de xullo xa puideron disfrutar dun adianto desta divertida comedia.

O programa de actuacións teatrais do “Outono Cultural “ do Concello de Brión inclúe dúas actuacións máis: Teatro do Morcego (22 de novembro) e Boneca Lareta (20 de decembro).